A Xunta avaliará o grao de cumprimento dos obxectivos do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 e os avances acadados

  • A Consellería de Facenda publica a orde que concreta o Plan de avaliación e seguimento do Plan Estratéxico de Galicia para o período 2016-2017
  • Analizarase a situación dos indicadores de resultados e de produtividade e o grao de execución financeira, entre outros aspectos
  • A finalidade é obter un seguimento dos resultados e adaptar o Plan aos novos retos que poidan xurdir

Santiago, 11 de xullo de 2016.- A Xunta avaliará o grao de cumprimento de todos os obxectivos do Plan Estratéxico de Galicia (PEG) 2015-2020, así como os avances acadados na súa execución, tal como recolle o Plan de avaliación e seguimento do PEG para o período específico 2016-2017. A orde que establece este plan publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Segundo establece a orde, a Consellería de Facenda elaborará no mes de xuño de 2017 un informe anual de seguimento do Plan Estratéxico 2015-2020, que incluirá en primeiro lugar un informe cos principais avances acadados polas actuacións desenvoltas ao abeiro do propio plan no 2016. Este documento conterá unha análise dos obxectivos transversais e dos indicadores de contexto.

Neste informe anual, a Administración galega tamén analizará o grao de avance da execución financeira, o avance dos indicadores de resultados e os principais indicadores de produtividade, achegando unha análise relativa ao grao de execución respecto dos valores previstos. Deste xeito, relacionaranse as realizacións de indicadores cos recursos financeiros mobilizados para a súa consecución, o que posibilita a análise da súa eficiencia.

O informe conterá unha relación exhaustiva dos valores acadados polos indicadores de resultados, de produtividade e financeiros. Tamén incluirá os valores conseguidos durante o ano 2016 e os acumulados dos indicadores de produtividade no 2015 e 2016, así como a comparación cos valores previstos e o grao de execución e eficiencia.

O obxectivo primordial é que o Plan Estratéxico non remate coa súa aprobación, senón que sexa un documento de planificación vivo ao longo da súa vixencia. Por iso, será obxecto de seguimento, avaliación e modificación, co obxectivo de que a Xunta poida adoptar as medidas precisas para paliar as desviacións na súa execución, ou ben adaptarse a novos retos que poidan xurdir ata 2020.

A orde publicada hoxe no DOG tamén establece os axentes da Administración encargados do desenvolvemento das actuacións de seguimento e avaliación, e o sistema de rexistro de datos dos indicadores non financeiros do Plan Estratéxico.

« Atrás