Entidades e expertos achegan as súas prioridades sobre demografía, avellentamento ou inclusión para elaborar o Plan Estratéxico 2015-2020

•  Santiago acolleu hoxe o primeiro foro de debate, no que participaron máis de 60 representantes de distintos colectivos

•  O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, lembrou que é imprescindible "definir as ferramentas máis eficaces" para mudar a regresión demográfica

•  A titular de Traballo, Beatriz Mato, sinalou que a transversalidade e o consenso permiten desenvolver as "mellores políticas sociais posibles"

•  Nas vindeiras semanas celebraranse outros dous foros, sobre o modelo de crecemento económico e sobre cohesión territorial e desenvolvemento

Santiago, 20 de xullo de 2015.- Representantes de entidades e colectivos sociais, expertos en diversos eidos e membros do ámbito universitario e da Administración achegaron hoxe as súas prioridades sobre a demografía, o avellentamento ou a inclusión a través dun foro de debate, que ten por obxectivo enriquecer o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020.

O foro de debate foi inaugurado esta mañá na Cidade da Cultura polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e pola conselleira de Traballo, Beatriz Mato. O foro de debate artellouse mediante tres mesas especializadas nas que participaron máis de 60 representes de distintos colectivos.

A primeira das mesas centrouse nas dinámicas demográficas que afectan a Galicia e o impacto social que teñen sobre os territorios, mentres que as outras dúas mesas abordaron o impacto do envellecemento poboacional nas políticas de gasto público e as políticas sociais e de inclusión. Todas as achegas que saen destas mesas permitirán enriquecer o documento final do Plan Estratéxico.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, advertiu de que resulta imprescindible "definir as ferramentas máis eficaces para mudar a dinámica demográfica", co obxectivo de integrar "de forma transversal" a perspectiva demográfica nos obxectivos do Plan Estratéxico.

Na súa intervención, resaltou a necesidade de avaliar os efectos do avellentamento nas políticas de gasto público, así como as políticas sociais e de integración. Ademais, o titular de Facenda incidiu tamén na importancia de atender ás necesidades dos nosos maiores e de reducir as desigualdades a través das políticas públicas de inclusión, xa que "a recuperación económica que estamos iniciando non será completa se non se conseguen reducir as desigualdades".

Pola súa banda, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, defendeu que a transversalidade e o consenso son principios fundamentais á hora de deseñar e desenvolver as "melloras políticas sociais posibles". Destacou tamén que é de "capital importancia" que a demografía e o avellentamento, "dous dos grandes retos de Galicia", sexan bases desta estratexia global do Goberno galego, tal e como o son tamén do Acordo de asociación de España 2014-2020 que o Goberno central remitiu á Comisión Europea.
Ao respecto, a titular autonómica valorou tamén a asignación de "novos e maiores recursos económicos" aos eixos da demografía, o avellentamento e a inclusión, porque permitirá dar continuidade ás políticas e programas exitosos que se levan desenvolvendo ata o de agora, así como favorecerá a posta en marcha de iniciativas e proxectos novidosos.

Novos foros

A Xunta de Galicia vai impulsar máis foros de debate co mesmo obxectivo que o celebrado hoxe, é dicir, recoller as achegas da sociedade civil galega para incorporalas ao Plan Estratéxico 2015-2020, que nestes momentos atópase en fase de elaboración.

Así, nas vindeiras semanas celebraranse dous foros de debate cun formato similar ao de hoxe: un deles abordará o modelo de crecemento económico e as estratexias de innovación, internacionalización e emprendemento, e outro será sobre cohesión territorial e desenvolvemento.

Proceso de participación

A Consellería de Facenda deu inicio este mes ao proceso de participación da sociedade civil na elaboración do Plan Estratéxico 2015-2020, co obxectivo de coñecer as prioridades dos sectores participantes e obter así un documento final máis enriquecido polas achegas dos axentes sociais.

Así, xa está operativa unha páxina web (www.planestratexico.gal) a través da cal todos os axentes sociais poden coñecer o proceso de elaboración do plan e a documentación base sobre o mesmo. Deste xeito, calquera persoa ou entidade pode enviar á Xunta as súas achegas e suxestións.

O Plan Estratéxico 2015-2020 deséñase non como un plan da Administración, senón como un proxecto conxunto da sociedade civil, co obxectivo primordial de que Galicia sexa un territorio con máis emprego, máis competitividade e máis benestar. Para iso, a súa elaboración parte dun modelo evolucionado da tripla hélice (Administración, Universidade e Empresa), ao que se lle engade a sociedade civil.

 

« Atrás