Feijóo abre un amplo proceso de participación cidadá para completar o Plan estratéxico 2015-2020 que orientará Galicia cara á recuperación

$Titulo.getData()
  • Goberno galego reafírmase no seu obxectivo de rematar coa improvisación na xestión pública e apostar pola planificación como ferramenta para multiplicar o rendemento dos recursos
  • "Os cartos dos contribuíntes deben ser tratados co máximo respecto, eliminando os gastos superfluos e innecesarios", sinalou o presidente
  • Este Plan Estratéxico pretende "sentar os alicerces sobre os cales se consolidará a mellora económica", segundo Feijóo
  • No deseño do Plan terá un lugar importante a colaboración cidadá, que achegará propostas para enriquecer os seus catro eixos principais

Santiago, 2 de xullo de 2015.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou esta mañá o Plan Estratéxico 2015-2020, que orientará a xestión dos fondos cos que conta a Xunta nos vindeiros cinco anos. "Este plan consolida a nosa firme aposta pola planificación económica como ferramenta imprescindible para multiplicar o rendemento dos recursos públicos", sinalou o xefe do Executivo autonómico.

Este novo documento consolida o "principio básico" que se marcou o Goberno galego desde 2009: "rematar coa improvisación coa xestión pública" e decidir as "prioridades" cara as cales queren dirixirse os recursos públicos, como a mellora dos servizos públicos e do autogoberno. "Os cartos dos contribuíntes deben ser tratados co máximo respecto, eliminando os gastos superfluos e innecesarios", afirmou Feijóo. Este plan foi pioneiro en España, seguírono outras comunidades autónomas e foi loado polas autoridades europeas en varias ocasións.

Aínda que as liñas mestras que guían o plan seguen sendo as mesmas ca en 2009, o contexto económico cambiou. Mentres que naquel momento a prioridade era "sanear o estado das finanzas públicas e protexer aos cidadáns e sectores económicos dos efectos da crise", agora as finanzas públicas galegas pretenden "sentar os alicerces sobre os cales se consolidará a mellora económica". "Pasamos do Plan Estratéxico da crise ao Plan Estratéxico da recuperación", resumiu o presidente.

Un plan compartido e acordado co conxunto do país
Feijóo dixo tamén que o horizonte do plan transcende ao goberno e, polo tanto, debe ser compartido e acordado co conxunto do país. "Os obxectivos que formulamos non son os dunha ou outra lexislatura, os dun ou doutro goberno, senón que son e serán os que precisa o país para fortalecerse social e economicamente nesta década", subliñou.

Ademais, o seu deseño estará aberto á cidadanía, que será consultada para que achegue propostas que enriquezan os catro eixos prioritarios do plan: empregabilidade e crecemento intelixente, benestar das persoas e das familias e cohesión social, crecemento sostible e sector primario e, por último, sociedade da información. Vanse artellar vías de participación en foros de debate coas principais entidades do país, mesas especializadas e a través doutras canles de comunicación, para concienciarnos de que "este plan é para toda Galicia e, polo tanto, debe ser elaborado por toda Galicia".

Sen renunciar á filosofía que vén caracterizando as finanzas públicas desta Xunta, o obxectivo é deseñar, desde as responsabilidades compartidas, unha folla de ruta que nos permita acadar nesta década unha Galicia con máis oportunidades, máis emprego, máis cohesionada e con máis benestar.

"Un documento vivo"
Pola súa parte, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, explicou que o Plan Estratéxico 2015-2020 será "un documento vivo, cunha estratexia global de Goberno e integrada sectorialmente", e que establece "uns obxectivos claramente definidos" para acadar unha planificación útil para a recuperación económica. "Queremos que sexa un Plan de Goberno en alianza coa sociedade civil", sinalou.

O titular de Facenda incidiu en que o Plan Estratéxico 2015-2020 recolle as prioridades de todos os departamentos autonómicos, incluídos os plans sectoriais da Administración autonómica, e está deseñado "cun modelo orientado a resultados e cun seguimento permanente".

« Atrás