Galicia traballará con Sajonia-Anthalt para obter fondos europeos para frear a crise demográfica, que será unha prioridade no Plan Estratéxico 2015-2020

•  O titular da Xunta presidiu hoxe a constitución do comité asesor do Plan Estratéxico, conformado por 12 persoas de recoñecido prestixio en diversos eidos
•  Os membros deste organismo farán as súas achegas para definir as prioridades de actuación e realizarán un seguimento do plan
•  O comité manterá unha nova reunión en setembro
•  Forman parte del especialistas do ámbito empresarial, da innovación, da Universidade e das políticas públicas

Santiago, 22 de xullo de 2015.- Galicia traballará conxuntamente co ‘Land' de Sajonia-Anthalt para obter fondos comunitarios dedicados a combater a crise demográfica, que será precisamente unha prioridade do Plan Estratéxico 2015-2020. Este asunto foi abordado hoxe durante a constitución do comité asesor do referido Plan, reunión que estivo presidida polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O comité asesor está conformado por 12 persoas de recoñecido prestixio no eido da empresa, a innovación, os recursos humanos, a universidade e as políticas públicas. Os membros deste organismo farán as súas achegas para definir as prioridades de actuación, e realizarán un seguimento da evolución do plan.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e o representante do ‘Land' de Sajonia-Anhalt ante o Goberno Federal de Alemaña, Michael Schneider, explicaron hoxe que ambos territorios farán presión para poder dedicar á loita contra a crise demográfica unha parte dos fondos estruturais do novo período comunitario 2014-2020.

Neste sentido, o conselleiro advertiu de que a demografía é "un problema común" en moitas rexións europeas, incluído o ‘Land' de Sajonia-Anhalt. Este é un dos 16 estados federados de Alemaña, conta cunhas características poboacionais similares ás de Galicia e experimentou nos últimos anos unha evolución económica moi positiva.

Ademais, o titular de Facenda explicou que a constitución do comité asesor permite completar a fase inicial de elaboración do Plan Estratéxico 2015-2020. De feito, a Xunta xa puxo en marcha os primeiros foros e mesas especializadas para recibir as achegas de toda a sociedade civil galega, así como unha páxina web específica (www.planestratexico.gal)

Comité de expertos
O comité contará tamén co asesoramento de representantes de compañías punteiras, tanto en Galicia como no resto de España e no estranxeiro, expertos de acreditada traxectoria académica e investigadora na Universidade, especialmente no eido económico. A configuración do comité asesor do Plan Estratéxico 2015-2020 complétase coa presenza do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez; e co director xeral de Planificación e Orzamentos da Xunta, Miguel Corgos.

O comité asesor está conformado por:

- ANTONIO ABRIL, secretario xeral e do consello de administración de Inditex, e presidente do Consello Social da Universidade da Coruña.

- JOSÉ LUIS VÁZQUEZ, foi director de Banca e Servizos Financeiros de Arthur Andersen, e membro independente dos consellos de Administración de Banco Pastor ou Inditex.

- ROSA GARCÍA PIÑEIRO, foi elixida en febreiro de 2014 presidenta de Alcoa España. É enxeñeira industrial e acaba de ser nomeada directora global de Sustentabilidade de Alcoa.

- FRANCISCO PUGA, presidente de Delta Vigo, compañía especializada en enxeñería e deseño para sectores como automoción, aeronáutica ou espacial.

- ROBERTO TOJEIRO, presidente e conselleiro-delegado de Gadisa. Presidente de Honor da Asociación Galega da Empresa Familiar.

- MANUEL GOMEZ-FRANQUEIRA, presidente do Grupo Coren. Asumiu a dirección xeral do grupo en 1984 e dende 2011 ocupa a presidencia do grupo.

- ÁNGEL PRADO, enxeñeiro especialista en seguridade informática, é responsable de seguridade da compañía TIC Salesforce.

- JOSÉ MARÍA ARIAS, presidente da Fundación Barrié de la Maza e do Consello Social da Universidade de Santiago. Presidente de APD-Zona Noroeste.

- ANTÓN COSTAS, catedrático de Economía Aplicada da Universidad de Barcelona e  presidente do Círculo de Economía.

- SANTIAGO LAGO, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director de Governance and Economics Research Network (GEN). É director do Foro Económico de Galicia.

- LUIS CARAMÉS, catedrático de Facenda Pública da Universidade de Santiago de Compostela.

- MICHAEL SCHNEIDER, representante do ‘Land' de Sajonia-Anhalt ante o Goberno Federal de Alemaña.

 

« Atrás