Valeriano Martínez resalta que o Plan Estratéxico 2015-2020 serve para “achegar certezas e fuxir das improvisacións”

Valeriano Martínez resalta que o Plan Estratéxico 2015-2020 serve para
  • O conselleiro de Facenda explicou que Galicia contará cunha folla de ruta coa que impulsar e liderar un proxecto de futuro para afrontar os novos desafíos de 2020
  • Sinalou que todas as administracións precisan dun marco estable para formular expectativas realistas e duradeiras nas que poder facer realidade os seus proxectos
  • Remarcou a importancia de que os grupos parlamentarios logren "acordos e consensos" sobre o seu contido, porque é unha demanda da sociedade
  • Os obxectivos do plan céntranse en acadar unha Galicia máis igualitaria, cun benestar reforzado e con máis e mellor emprego de calidade
  • Como principios irrenunciables, o plan inclúe a blindaxe do gasto social, en non subir impostos e en seguir na senda de redución do endebedamento público
  • Entre os principais retos, o conselleiro citou a consolidación do crecemento económico e o aumento en máis de 100.000 o número de empregos

Santiago, 10 de maio de 2016.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, subliñou hoxe que o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 instaura un marco estable de actuación para poder "achegar certezas e fuxir das improvisacións", e que o principal obxectivo é impulsar e liderar un proxecto de futuro para afrontar con éxito os novos desafíos da Galicia do ano 2020.

Así o expuxo hoxe no Parlamento, no debate das propostas de resolución formuladas ao Plan Estratéxico 2015-2020. O titular de Facenda destacou que nun contexto competitivo coma o actual "todas as administracións precisan dun marco estable que lles permita formular expectativas realistas e duradeiras", para facer realidade os seus proxectos.

Valeriano Martínez explicou que se trata dun documento clave para deseñar a Galicia do futuro, pactado coa sociedade no proceso de participación "máis amplo da historia de autonomía", e enriquecido coas achegas de todos os grupos parlamentarios. Neste sentido, remarcou a importancia de que as distintas formacións políticas acaden "acordos e consensos" sobre o contido do plan, xa que é o que "a sociedade está a reclamar".

Segundo indicou na súa intervención, o Plan establece unha serie de retos que deben converterse en novas oportunidades para que a Galicia do futuro sexa máis igualitaria e con máis oportunidades; con máis e mellor emprego de calidade; con máis produtividade; con máis cohesión territorial e social; e cun benestar reforzado.

Ademais, sinalou que os "principios irrenunciables" deste plan son a blindaxe do gasto social, co reforzo do investimento en educación e sanidade; non subir impostos; o inicio dunha senda de redución do endebedamento da Autonomía; e o mantemento da solvencia da comunidade e a sustentabilidade do gasto público.

Prioridades
Coa aprobación do Plan Estratéxico, Galicia contará cunha folla de ruta para poder acadar os seus obxectivos, como consolidar un crecemento económico sostido cun avance anual do PIB superior ao 2,5%, e aumentar en 100.000 o número de empregos ata o ano 2020, o que permitirá reducir a taxa do paro ata o 10%.

Outras das prioridades son duplicar o gasto en I+D; seguir reducindo a taxa de abandono escolar temperán; conseguir que o 47% da poboación galega de entre 30 e 34 anos de idade teña estudos superiores; ou reducir a poboación en risco de pobreza e exclusión social en 100.000 persoas.

O plan tamén aposta por implantar un paquete integral de medidas para a revitalización demográfica co obxectivo de que Galicia se achegue progresivamente á media de fillos por muller da UE. O documento incide ademais no eido ambiental, co fin de reducir as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI); elevar o uso das enerxías renovables ou incrementar a eficiencia enerxética.

O conselleiro de Facenda destacou que o Plan Estratéxico é un documento dinámico, que blinda a estabilidade e establece unha estratexia que permite non improvisar, fixar obxectivos realistas, medir con fiabilidade os resultados acadados e deseñar en cada momento as políticas que máis lle conveñan aos galegos e galegas.

« Atrás