- O conselleiro de Facenda explicou polo miúdo na Cámara os contidos do documento, e pediu que agora sexa "enriquecido coas achegas dos grupos parlamentarios"
- O Plan xa foi amplamente debatido e consensuado cos representantes da sociedade civil
- Conta co aval dos expertos na materia, tanto sectoriais como dos especialistas que integran o comité asesor do propio Plan
- Entre os principais retos para o quinquenio, o conselleiro citou a consolidación do crecemento económico e o aumento en máis de 100.000 o número de empregos
- Como principios irrenunciables, o Plan céntrase na blindaxe do gasto social, non subir impostos, seguir na senda de redución do endebedamento e no mantemento da solvencia da comunidade e a sustentabilidade do gasto público
Santiago, 4 de marzo de 2016.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, pediu hoxe o consenso entre os diversos grupos parlamentarios para impulsar o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, un proxecto de futuro que "debe ser de todos" e que xa foi "amplamente debatido e consensuado cos representantes da sociedade civil".
Valeriano Martínez compareceu hoxe en Comisión para expoñer polo miúdo este documento que, segundo explicou, despois de estar pactado coa sociedade civil e de contar co proceso de participación "máis amplo da historia de Galicia", ten que ser agora enriquecido coas achegas de todos os grupos parlamentarios. Destacou ademais, que ten o aval dos expertos na materia, tanto sectoriais como dos especialistas que integran o comité asesor do Plan.
Despois de abordar os pasos dados para chegar ao documento e ás prioridades e obxectivos para acadar as metas propostas, o conselleiro fixo un repaso pola situación actual, na que destacou que a estabilidade institucional ten servido, co esforzo dos galegos, para que a situación económica "teña mudado complemente nos últimos anos".
Neste sentido, sinalou que o PIB galego medrou en 2015 un 2,1%, o maior crecemento desde o ano 2007, unha décima por riba da previsión da Xunta e con todos os sectores de actividade en positivo, tamén por primeira vez nos últimos oito anos.
Principios irrenunciables
Durante a súa intervención, o titular de Facenda expuxo como principios irrenunciables a blindaxe do gasto social co reforzo do investimento en educación e sanidade; non subir impostos; o inicio dunha senda de redución do endebedamento da Autonomía; e o mantemento da solvencia da comunidade e a sustentabilidade do gasto público.
Ademais, Valeriano Martínez explicou que para lograr unha Galicia de futuro, o Plan establece entre os seus obxectivos consolidar un crecemento económico sostido cun avance anual do PIB superior ao 2,5%; aumentar en 100.000 o número de empregos ata o ano 2020, o que permitirá reducir a taxa do paro ata o 10%; e converxer oito puntos coa UE.
Outras das súas prioridades son duplicar o gasto en I+D; seguir reducindo a taxa de abandono escolar temperán; conseguir que o 47% da poboación galega de entre 30 e 34 anos de idade teña estudos superiores; ou reducir a poboación en risco de pobreza e exclusión social en 100.000 persoas.
O plan tamén aposta por implantar un paquete integral de medidas para a revitalización demográfica co obxectivo de que Galicia se achegue progresivamente á media de fillos por muller da UE. Incide ademais no eido ambiental, co fin de reducir as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI); elevar o uso das enerxías renovables ou incrementar a eficiencia enerxética.
O conselleiro incidiu en que o obxectivo é que o Plan Estratéxico sexa un documento dinámico para integrar con axilidade os cambios que se vaian producido na realidade de Galicia, co fin de que a Comunidade galega sexa un territorio atractivo con oportunidades para traballar e investir; impulsar medidas que logren fixar poboación e que Galicia resulte igualmente atractiva para ter fillos e loitar así contra o declive demográfico.