Atrás

O conselleiro de Facenda presenta á Comisión Europea o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, e resalta que Galicia e Europa comparten obxectivos e prioridades

Valeriano Martínez reuniuse coa directora de Crecemento intelixente e sostible e do Sur de Europa da Comisión Europea, Charlina Vitcheva
  • Valeriano Martínez reuniuse coa directora de Crecemento intelixente e sostible e do Sur de Europa da Comisión Europea, Charlina Vitcheva
  • O conselleiro trasladoulle que o Plan Estratéxico de Galicia vai na mesma liña que a estratexia de futuro xa marcada pola UE e que é plenamente coherente con ela
  • O Plan quere facer de Galicia un territorio con máis oportunidades para traballar e investir, loitar contra a crise demográfica e acadar un crecemento sostible

Bruxelas, 20 de abril de 2016.- O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou hoxe a representantes da Comisión Europea o Plan Estratéxico de Galicia para o período 2015-2020, e destacou que este plan vai en liña cos obxectivos e prioridades que establece a propia Unión Europea para a segunda parte da década.

O titular de Facenda reuníuse este mediodía coa directora de Crecemento intelixente e sostible e do Sur de Europa da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, a quen lle trasladou que Galicia é unha das primeiras Comunidades Autónomas en aprobar un plan estratéxico. Neste sentido, insistiu en que este documento permite planificar e non improvisar, establecendo os eixes prioritarios e as liñas de actuación.

Segundo lle explicou á representante do Executivo comunitario, a Xunta de Galicia leva anos traballando nesta planificación o que fixo de Galicia unha comunidade de referencia no control do déficit público e do endebedamento; e que lle permitiu recuperar a senda do crecemento e medrar un 3,2% no ano 2015.

Durante o encontro, o conselleiro explicoulle ademais que o Plan Estratéxico de Galicia vai na mesma liña que a Estratexia 20-20 xa marcada pola Unión Europea e que é plenamente coherente con ela, o que permite que Galicia e Europa compartan obxectivos e prioridades de actuación.

Obxectivos
Entre os obxectivos ata o 2020 están o de facer de Galicia un territorio con máis oportunidades para traballar e investir; impulsar medidas que permitan fixar máis poboación -sobre todo no eido rural- e loitar contra a crise demográfica; e acadar un crecemento sostible centrado na innovación, a formación e o benestar.

Ademais, Valeriano Martínez explicoulle que non se trata dun plan elaborado polo Goberno autonómico, senón que é do conxunto da sociedade civil galega, pactado con ela logo do proceso de participación máis amplo da historia de Galicia, e que xa foi presentado no Parlamento para ser enriquecido coas achegas de todos os grupos parlamentarios.

Difusión do plan
Previamente, o conselleiro de Facenda participou en Bruxelas no acto ‘Galicia cara ao 2020', organizado pola Fundación Galicia Europa. Neste acto, Valeriano Martínez aproveitou tamén para presentar as liñas de actuación do Plan Estratéxico 2015-2020 e o proceso de participación desenvolvido durante o último ano en Galicia.

Ademais, o representante do Goberno autonómico mantivo diversos encontros en Bruxelas co vicepresidente do Parlamento Europeo, Ramón Luis Valcárcel, e cunha representación de eurodeputados galegos conformada por Francisco Millán Mon, José Blanco e Lidia Senra, aos que lles trasladou o contido do Plan Estratéxico 2015-2020 e os seus principais obxectivos.

« Atrás