Atrás

O conselleiro de Facenda resalta o alto nivel de cumprimento dos obxectivos do Plan Estratéxico 2015-2020 e mantén a meta de acadar 17.500 novos empregos este ano

$Titulo.getData()
  • Valeriano Martínez presentou no Parlamento o balance dos tres primeiros anos de execución do plan, que está a permitir consolidar a recuperación económica
  • O PIB de Galicia segue medrando por riba do 3% e mantense na liña de crear 100.000 empregos ata 2020
  • Tamén se están a acadar os obxectivos marcados no eido da educación, a inclusión social, as exportacións ou a converxencia con España e Europa
  • "Os resultados son positivos pero non debemos ser autocompracentes, cómpre consolidar as políticas que dan froito e reforzar as que necesitan un pulo", sinalou

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2018.-  O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, resaltou hoxe o "alto nivel de cumprimento" dos principais obxectivos fixados no Plan Estratéxico de Galicia (PEG) para o período 2015-2020, e confirmou que a Xunta mantén a meta de acadar uns 17.500 novos empregos este ano. Fíxoo durante a súa comparecencia no Parlamento para informar do balance dos tres primeiros anos de execución do plan, unha folla de ruta transversal que está a permitir consolidar a recuperación económica e un modelo de crecemento san, inclusivo e sostible.

O titular de Facenda destacou que os resultados neste período son positivos. Neste sentido, informou de que o crecemento medio da economía galega situouse no 3,6% -por riba do 2,5% fixado no plan-, e que coa previsión de creación de emprego este ano, no período 2015-2017 creáronse xa 55.000 postos de traballo, polo tanto na liña de chegar a entre 80.000 e 100.000 no ano 2020.

Ademais, lembrou que se están a acadar os obxectivos marcados no plan no eido da educación, a inclusión social, as exportacións ou a converxencia. Por exemplo, informou de que a taxa de abandono escolar diminuíu 3,6 puntos e xa está por baixo do 15%, polo que Galicia está en clara situación de reducir este indicador ao 13,5%, meta fixada no plan.

Valeriano Martínez resaltou tamén a baixada da taxa de risco de exclusión social –ata o 20,3%, o que supón 7,6 puntos menos que a media española-, o novo récord histórico de exportacións ou o avance no proceso de converxencia con España e con Europa. "Obxectivamente os resultados son positivos, pero non debemos ser autocompracentes porque a maior inimiga da planificación é a autocompracencia", advertiu, tras destacar a importancia de "consolidar as políticas que dan froito e reforzar as que necesitan un pulo".

Máis crecemento
Na súa intervención, o conselleiro de Facenda lembrou que os principais organismos económicos tamén están estimando un maior crecemento para Galicia. É por iso que o presidente da Xunta xa avanzou que, con prudencia, vaise revisar á alza a previsión de crecemento da economía galega para este ano, que neste momento é do 2,5% e que se vai elevar en varias décimas.

Deste xeito, a estimación da Xunta é que unha vez determinado o alcance desta revisión á alza, o crecemento medio entre 2015 e 2018 siga por riba do 3%. Así, a senda de crecemento continuará moi por riba do 2,5% do PIB fixado de media no Plan Estratéxico. Ademais, as expectativas para este 2018 son tamén seguir cun forte crecemento económico -superando o previsto inicialmente- e de creación de emprego.

De feito, Valeriano Martínez resaltou que os datos que xa se van coñecendo nestes primeiros meses de 2018 tamén son positivos, toda vez que a economía galega continúa medrando por riba do 3%, Galicia é unha das comunidades autónomas nas que máis baixa o paro, as novas afiliacións á Seguridade Social superan as 25.000 no último ano, a produción industrial volve medrar con forza e as exportacións galegas, logo do seu récord histórico en 2017, medran a un ritmo do 20%.

Finalmente, o titular de Facenda informou de que no período que resta de vixencia do Plan Estratéxico –ata 2020- o obxectivo do Goberno galego é seguir por esta senda. "Comprometémonos a reforzar os recursos destinados a facer fronte aos retos para consolidar en 2020 un modelo de crecemento máis produtivo, máis inclusivo e máis sostible", concluíu o conselleiro.

« Atrás