Atrás

O conselleiro de Facenda subliña que o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 blinda a estabilidade e fortalece o crecemento e o emprego da Comunidade

$Titulo.getData()
  • Érguese coma un instrumento de planificación vivo e útil para o fomento dun novo modelo de crecemento baseado na innovación e no capital humano
  • Busca crear unha Galicia con máis oportunidades, máis emprego, máis produtividade, cunha maior cohesión territorial e social e cun benestar reforzado
  • Fixa entre as súas prioridades a consolidación dun crecemento económico sostido e implantar un paquete integral de medidas para a revitalización demográfica
  • Valeriano Martínez inaugurou hoxe o Foro do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020: Os retos da Galicia do futuro

Santiago, 29 de febreiro de 2016.- O Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 busca blindar a estabilidade da Comunidade Autónoma; fortalecer o crecemento sostido e a creación de emprego; e consolidar a recuperación económica de Galicia na segunda metade da década.

Así o explicou hoxe o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez durante a celebración en Santiago do Foro do Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020: Os retos da Galicia do futuro, no que subliñou que o resultado deste Plan será un documento vivo e útil adaptado en todo momento á realidade galega, que fomente un novo modelo de crecemento baseado na innovación e no capital humano.

O Plan Estratéxico de Galicia, que segundo indicou o conselleiro será debatido esta mesma semana no Parlamento, sae do traballo do Goberno e das achegas da cidadanía e ten entre as súas prioridades consolidar a recuperación económica nos vindeiros cinco anos, acadando unha Galicia máis igualitaria e con máis oportunidades, con máis emprego, con máis produtividade, cunha maior cohesión territorial e social e cun benestar reforzado.

Retos ata 2020
Valeriano Martínez explicou que para lograr esta Galicia de futuro, o Plan establece entre os seus obxectivos consolidar un crecemento económico sostido cun avance anual do PIB superior ao 2,5%; aumentar en 100.000 o número de empregos ata o ano 2020, o que permitirá reducir a taxa do paro ata o 10%; e converxer oito puntos coa Unión Europea.

Outras das súas prioridades son duplicar o gasto en I+D; seguir reducindo a taxa de abandono escolar temperán; conseguir que o 47% da poboación galega de entre 30 e 34 anos de idade teña estudos superiores; ou reducir a poboación en risco de pobreza e exclusión social en 100.000 persoas.

O plan tamén aposta por implantar un paquete integral de medidas para a revitalización demográfica co obxectivo de que Galicia se achegue progresivamente á media de fillos por muller da UE. Incide ademais no eido ambiental, co fin de reducir as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI); elevar o uso das enerxías renovables ou incrementar a eficiencia enerxética.

En definitiva, o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 érguese coma un instrumento de planificación útil, baseado nun modelo de xestión intelixente orientado a resultados,co fin de lograr que a Galicia de 2020 sexa máis próspera e con máis oportunidades para toda a cidadanía galega.

« Atrás