Atrás

O novo Plan Estratéxico define entre as dez prioridades para a Galicia de 2020 crear 100.000 empregos, duplicar o gasto en I+D e converxer oito puntos coa UE

$Titulo.getData()
  • O Consello da Xunta aprobou un documento froito dun amplo proceso de participación da sociedade civil, e que será remitido á Cámara para o seu debate
  • No decálogo de obxectivos no eido económico figuran un crecemento do PIB anual superior ao 2,5% e reducir a taxa de paro ao 10%
  • Inclúese o reto de mudar a actual tendencia demográfica e que Galicia se achegue á media europea de fillos por muller
  • Tamén se fixa como meta reducir as emisións de efecto invernadoiro, que as enerxías renovables supoñan o 30% do consumo e elevar a eficiencia enerxética
  • No eido social, o Plan Estratéxico prevé reducir a taxa de abandono escolar ao 13,5% e diminuír en 100.000 persoas a poboación en risco de exclusión ou pobreza
  • Para acadar os obxectivos o plan inclúe catro eixes de actuación: empregabilidade, benestar e cohesión social, crecemento sustentable e sociedade da información
  • O escenario financeiro ata 2020 baséase na blindaxe do gasto social, a redución do endebedamento e a solvencia de Galicia sen levar a cabo subas de impostos
  • O desenvolvemento do Plan Estratéxico terá un efecto positivo no PIB de case dous puntos e producirá unha baixada da taxa de paro dun punto
  • No proceso de participación do Plan interviñeron medio millar de entidades e máis de 200 expertos a través de 11 mesas temáticas, e conta co aval do comité asesor

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, froito dun amplo proceso de participación e que agora será remitido ao Parlamento galego para o seu debate. Entre as dez prioridades deste plan para 2020 están a creación de 100.000 novos empregos, duplicar o gasto en I+D e converxer oito puntos coa Unión Europea.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, informou hoxe da conclusión do proceso de elaboración do Plan Estratéxico de Galicia, un documento que fixa a planificación a medio prazo e que sae do traballo do Goberno e das achegas da cidadanía. A súa prioridade será consolidar a recuperación económica na segunda metade da década, acadando unha Galicia máis igualitaria e con máis oportunidades, con máis emprego, con máis produtividade, cunha maior cohesión territorial e social e cun benestar reforzado.

Así, entre os obxectivos do Plan establécese consolidar un crecemento económico sostido durante a segunda metade da década, cun avance anual do PIB superior ao 2,5%, e aumentar en 100.000 o número de empregos ata o ano 2020, o que permitirá reducir a taxa do paro ata o 10%. Tamén se fixa como obxectivo mellorar a taxa de ocupación dos cidadáns de entre 20 e 64 anos en 10 puntos, ata o 70%.

Ademais de duplicar o gasto en I+D e elevalo ata o 1,7% do PIB, no eido social fíxase como obxectivo seguir reducindo a taxa de abandono escolar temperán noutros 3,5 puntos, ata o 13,5%, e conseguir que o 47% da poboación galega de entre 30 e 34 anos de idade teña estudos superiores.

Xunto a isto, o Plan establece como meta para 2020 reducir a poboación en risco de pobreza ou exclusión social en tres puntos. Este indicador xa está por debaixo da media estatal, e o obxectivo é reducilo en 100.000 persoas.

O Plan Estratéxico 2015-2020 incide ademais no eido ambiental, co obxectivo de reducir as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) nun 35% en relación ao nivel de 2005, ano de referencia na estratexia estatal. Tamén se fixa como prioridade elevar o uso das enerxías renovables ata un 30% do consumo final, e incrementar a eficiencia enerxética nun 20%.

En canto á situación demografía, o plan aposta por implantar un paquete integral de medidas para a revitalización demográfica de Galicia co obxectivo de que a Comunidade Autónoma se achegue progresivamente á media de fillos por muller da Unión Europea, situada en 1,59. Ademais, o Plan Estratéxico 2015-2020 permitirá converxer oito puntos coa Unión Europea en PIB per cápita, ata chegar ao 88%.

Eixes de actuación

Para acadar os seus obxectivos, o plan inclúe catro eixes de actuación: un eixe sobre empregabilidade e crecemento intelixente, para fomentar a actividade empresarial e para aumentar a produtividade dos traballadores a través da formación e o impulso á innovación. O segundo eixe, centrado no benestar e a cohesión social, reforzará o sistema sanitario, os servizos sociais e garantirá o acceso a unha vivenda digna.

O terceiro eixe baséase no crecemento sustentable, o territorio, o mar, a agricultura, gandería e montes, e terá como prioridade o fomento do sector primario, as enerxías renovables e a potenciación do turismo.

Finalmente, o eixe de sociedade da información, cultura e reforzo do peso de Galicia no seu contorno permitirá conservar e promover a riqueza cultural e as potencialidades da Comunidade autónoma. Ademais, a estes catro eixes engádese un eixe instrumental centrado nunha administración moderna e de calidade, para promover unha función pública profesional e unha Administración eficiente e transparente.

Efecto positivo do Plan

O novo Plan Estratéxico de Galicia establece un escenario financeiro para a segunda metade da década baseado en prioridades como a blindaxe do gasto social na Comunidade Autónoma, incluído o gasto en educación, en sanidade e en servizos sociais.

Este escenario tamén contempla a progresiva redución do endebedamento da Comunidade Autónoma, que permitirá a Galicia manterse cun nivel de débeda por debaixo da media autonómica. Na actualidade, a ratio de débeda en Galicia xa é cinco puntos inferior á do conxunto das comunidades. Ademais, o escenario financeiro complétase coa prioridade de manter a solvencia de Galicia e a sustentabilidade do gasto público sen subas de impostos.

O desenvolvemento do Plan Estratéxico terá un efecto positivo na evolución do PIB autonómico ata o final da década de 1,8 puntos, ao tempo que producirá unha baixada da taxa de paro dun punto –ata o entorno do 10%- no ano 2020.

Proceso de participación do Plan Estratéxico

Ao longo do pasado ano, o Goberno galego trasladou o Plan Estratéxico 2015-2020 á sociedade civil para que puidese realizar as súas achegas co fin de contribuír a enriquecer e consensuar o documento final.

Así, comunicouse o proceso de elaboración do Plan a máis de medio millar de entidades; púxose a disposición dos interesados unha web específica sobre o Plan, o que permitiu a cidadáns, asociación, empresas e entidades sociais e profesionais realizar as súas achegas; celebráronse foros sectoriais nos que participaron máis de 200 expertos; e formouse un Comité Asesor con especialistas no eido institucional, económico, empresarial, académico e do emprendemento que avalaron o documento.

OS DEZ OBXECTIVOS PRIORITARIOS DO PLAN ESTRATÉXICO 2015-2020:

1. DEMOGRAFÍA: Achegar paulatinamente a Galicia á media da UE de 1,59 fillos por muller

2. PIB: Acadar un crecemento económico sostido cun avance anual superior ao 2,5%

3. EMPREGO: Crear 100.000 novos empregos e reducir a taxa do paro ao 10%

4. I+D: Duplicar o gasto en I+D e subir ao 40% do PIB a exportación nos sectores produtivos

5. EDUCACIÓN: Reducir a taxa de abandono escolar temperán en 3,5 puntos, ata o 13,5%.

6. FORMACIÓN: Que o 47% dos galegos de entre 30 e 34 anos teña estudos superiores

7. INCLUSIÓN: Reducir a poboación en risco de exclusión ou pobreza en 100.000 persoas

8. MEDIO AMBIENTE: Reducir as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro nun 35%

9. ENERXÍA: Aumentar o uso das enerxías renovables ata un 30% do consumo final

10. CONVERXENCIA: Gañar oito puntos de converxencia coa Unión Europea

« Atrás